Esta festa tivo o seu orixe no ano 1961 cando un grupo de veciños e responsables de varios restaurantes e adegas de Arbo organizaron a I Festa da Lamprea para dar a coñecer este produto así como os caldos de uva albariño do municipio, hoxe acollidos á Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.
Dende entonces, Arbo celebra ininterrompidamente a súa festa máis importante na que miles de asistentes abarrotan os restaurantes da vila e os puntos de degustación situados no recinto ‘Arbomostra’, para desfrutar das racións de lamprea preparada de distintas formas e dos mellores viños da zona.
Durante a celebración, a responsable de Turismo da Xunta destacou que a declaración de Interese Turístico Nacional acadada o pasado ano por esta festa recoñece tanto a súa antigüidade, arraigo e continuidade como a súa singularidade.
A directora de Turismo de Galicia sinalou que tanto a Festa da Lamprea en sí mesma así como todas as actividades lúdicas e culturais que completan o programa desta celebración constitúen un gran atractivo turístico para a nosa comunidade como destino. Neste senso, afirmou que dende a Xunta de Galicia impúlsase a súa promoción xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística.
Nava Castro explicou que dende Turismo de Galicia apóstase pola promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade. “Deste modo, a aposta polas celebracións gastronómicas tradicionais que xeran experiencias únicas no destino, como é o caso da Festa da Lamprea de Arbo, ocupa un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego”, sinalou.
Ruta da Lamprea
Por outra parte, Nava Castro fixo referencia ao produto turístico promovido por Turismo de Galicia entorno a este particular peixe e a súa captura, a Ruta da Lamprea.
Segundo explicou a responsable de Turismo da Xunta, esta ruta combina os numerosos recursos vinculados á lamprea de cada unha das zonas dos tres ríos nos que habita en Galicia, o río Miño, Tambre e Ulla, coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna como miradoiros, paseos, pontes ou capelas entre outros. Así mesmo, ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.
“Con todo, a Ruta da Lamprea potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que o integra, así como na súa área de influencia, a través destes itinerarios que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo”, sinalou Nava Castro.