Un novo aspecto e unha nova vida para o histórico barrio da estación de Arbo. A transformación desta singular contorna a través das obras desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra, ao abeiro do seu modelo de mobilidade sostible e segura, xa é unha realidade que foi destacada hoxe pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Horacio Gil, na súa visita á apertura da zona.
Ambos, acompañados da corporación, autoridades da Comandancia Naval do Miño e da veciñanza de Arbo, coincidiron na “potencialidade” e na “calidade de vida para a veciñanza” que suporá esta actuación no barrio que é berce da actividade económica do concello e que, como subliñou Carmela Silva, “merecía unha actuación como esta que respondera a unha contorna tan fermosa”.
Cun orzamento de preto de 600.000 euros, financiado integramente pola Deputación, este é o investimento máis ambicioso levado a cabo en Arbo e vén dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, cunha actuación desenvolvida na intersección das estradas EP-5202 e EP-5203, nun tramo de case medio quilómetro entre a contorna da Capela de San Antonio e a estación de tren, que vén dar solución ás deficiencias nos servizos que non se reparaban desde os anos 70, así como aos problemas de inseguridade viaria para peóns.
As obras leváronse a cabo na intersección das estradas EP-5202 e EP-5203 en dúas zonas: a primeira no entronque das dúas estradas provinciais, na contorna da capela de San Antonio, que se converteu nunha zona de prioridade peonil con pasos de peóns elevados para reducir a velocidade dos vehículos que poden circular a unha máxima de 20 quilómetros por hora e con beirarrúas cun mínimo de 2,5 metros de ancho.
Na segunda zona, de 310 metros, desde o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo, levouse a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e plataforma única na zona de coexistencia de tráfico rodado e peonil, na que as persoas teñen preferencia. Colocáronse tamén alcorques delimitados por bandas de lousas de granito. Ademais, melloráronse as redes de abastecemento e saneamento e para a iluminación da zona instaláronse 24 farois LED e restauráronse 12 unidades xa existentes.
Carmela Silva subliñou que esta obra é exemplo do modelo de mobilidade da Deputación que prima ás persoas na recuperación do espazo público e que “pon en valor edificacións, equipamentos e dotacións” e que servirá de acicate para “dar moita vida” a esta contorna “de enorme historia”, coa posibilidade da rehabilitación de vivendas que poida atraer “novos comercios de proximidade e hostalería”. Todo no barrio do tren, “un elemento fundamental agora que falamos da necesidade de ter medios de transporte máis respectuosos”.
A presidenta provincial destacou así mesmo que a Deputación estudará a proposta do alcalde para dar continuidade á obra, de xeito que se poida enlazar coa estrada provincial que baixa desde o casco urbano e mellorar así o acceso á estación. “Somos a administración con máis quilómetros de estradas na provincia, con 1.700, e temos que planificar, pero temos un enorme compromiso con mellorar as infraestruturas provinciais con este modelo. Estamos redactando máis proxectos e Arbo figura na lista dos que temos que poñer en marcha. Vai haber agora moitos recursos dos fondos europeos; estamos presentando numerosas obras e moitas están financiándose con estas achegas. Iso significa que imos ter mais capacidade inversora e sentarémonos para falar desa obra, e acordar como a faremos, igual que esta”. A presidenta subliñou a relación institucional “amable e de diálogo” co Concello de Arbo: “Temos que ter esa mirada porque a veciñanza merece que respondamos ás súas inquedanzas”, e agradeceu precisamente ás e aos veciños e veciñas a súa paciencia durante a execución dos traballos “que agora vemos co resultado que mereceu a pena”.
Incendios
Carmela Silva tamén se referiu á situación provocada polos incendios que estes pasados días azoutaron Arbo para incidir en que é necesario un debate con todas as administracións, estatal, autonómica, provinciais e locais, “para ver que podemos facer conxuntamente”. As competencias son claras, pero ante algo tan importante para a nosa vida hai que arrimar o ombreiro –apuntou-. Temos montes que son a nosa riqueza e vemos como se están queimando”. A este respecto, apuntou a posibilidade de retomar o proxecto provincial para financiar a creación de parques forestais como solicitou o rexedor municipal, “pero sería necesario que nos sentáramos e fóramos capaces de planificar un produto conxunto, aportando o que poidamos en función das nosas capacidades”.
Pola súa banda, o alcalde Horacio Gil destacou a satisfacción da corporación e da veciñanza por esta actuación que permite “a humanización desta contorna emblemática do concello, exemplo e berce do espírito emprendedor de Arbo, onde o século pasado houbo unha intensa actividade económica que se foi transmitindo ata hoxe”. Lembrou que era necesaria esta obra no núcleo “porque a última reforma fixérase nos anos 70 e había que reparar as infraestruturas, especialmente saneamento, abastecemento, que estaban moi deterioradas, instalar novas de telecomunicacións e iluminación e mellorar o pavimento, para facelo máis accesible a toda a veciñanza”.
Gil apuntou que tamén se traballa coa Deputación na mellora do entorno de Cabeiras, cuxo proxecto está xa en redacción e agradeceu, ao igual que a presidenta, a colaboración entre ambas administracións, xunto aos técnicos e técnicas da empresa adxudicataria, e o compromiso da veciñanza e da Comandancia Naval do Miño, “porque eran obras moi complicadas que xeran moitas incomodidades e esta colaboración permitiu que se executaran de forma máis áxil”.