No Concello de Crecente, investiranse máis de 340.000 euros para arranxar cinco estradas afectadas polas intensas chuvias. Este luns comezaron os traballos na estrada que une A Cañiza e Filgueira (PO-406), concretamente no PK 6+600, onde se produciu un desprendemento. Para solucionar este problema levaranse cabo unhas obras urxentes, cun orzamento de 133.000 euros, que consistirán na estabilización do noiro, reposición do muro de contención e execución de accións de drenaxe.
En Arbo a achega será de case 200.000 euros para executar traballos en estradas nas que se produciron incidencias. A responsable de Infraestruturas visitou a estrada Salvaterra-Filgueira (PO-400), no PK 18+850, onde tamén se derrubou un noiro tras as intensas precipitacións.
Vázquez indicou que o obxectivo primordial deste tipo de accións é blindar a seguridade e garantir que os cidadáns poidan circular con absoluta normalidade pola totalidade das estadas galegas no menor tempo posible.
Segundo detalla o informe elaborado pola Axencia Galega de Infraestruturas, contabilizáronse 51 incidencias a consecuencia das intensas chuvias e das escorrentas rexistradas nos días centrais de febreiro, que se elevan a case 100 ao sumar as provocadas polo temporal de xaneiro. Cabe destacar que unha das zonas máis afectadas foi, precisamente, o sur da provincia de Pontevedra.
Vázquez concretou que grazas á mobilización de medios, materiais e humanos, do persoal técnico e dos equipos de traballo das empresas de conservación e da propia AXI, a meirande parte dos danos xa foron reparados.