As adegas As Laxas e Marqués de Vizhoja puxeron a disposición do Concello de Arbo a súa maquinaria e persoal para colaborar na aplicación de produtos desinfectantes nas rúas, marquesiñas e lugares da vila onde existe máis concentración de persoas.
Estes traballos comezaron o sábado por todo o casco urbano, seguiron o luns polo barrio da Estación, a Estación de Renfe, a parroquia de Barcela, incluído o parque empresarial, a parroquia de Sela e continuaron este martes polas restantes parroquias. Este mércores volverá a facerse a desinfección pola tarde en todo o casco urbano e todas as súas rúas e manterase o mesmo plan nas diferentes parroquias.
Mentres, o persoal municipal está levando a cabo a desinfección dos contedores de lixo de todo o Concello. O alcalde, Horacio Gil, está coordinando, supervisando e acompañando en todo momento aos voluntarios das adegas e asegura que se trata dun operativo máis de prevención, que se seguirá levando a cabo mentres se manteña a crise sanitaria.
Ademais, o Concello está a adoptar diferentes medidas a favor dos colectivos máis vulnerables. Por resolución da Alcaldía, púxose a disposición destas persoas un servizo de taxis gratuíto para ir comprar a supermercados e farmacias.
Gil considera que todas as medidas que se tomen nun momento de tanta urxencia son necesarias e agradeceu as estas adegas da vila a súa disposición e colaboración, así como tamén a todos os voluntarios, ao persoal municipal e á veciñanza. A administración local tamén pediu que se sigan as indicacións facilitadas polas autoridades sanitarias, o Sergas, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.