O Concello de Arbo iniciará nos vindeiros días as obras de reparación no Muíño de San Xoán. Os danos que presenta o inmoble foron causados por actos vandálicos, dos que se descoñece o autor ou autores. O seu estado, segundo di a propia administración local, resulta “lamentable”, xa que os intrusos romperon a porta de entrada e prenderon lume no seu interior, o que provocou que as madeiras se queimaran. Tamén racharon cristais e xanelas, chans e teitos de madeira coa capa de verniz queimada e afumada.
O deterioro que está sufrindo pode afectar á súa estrutura, o que suporía unha perda moi importante para o patrimonio etnolóxico arbense, xa que dito muiño data do século XV e, a súa vez, tamén fixo de serradoiro.
Esta actuación conta con financiamento con cargo total aos fondos propios do Concello, tras ingreso da compañía aseguradora realizado o día 1 de abril de 2020, que deu lugar ao correspondente expediente de contratación, que se viu parado polo estado de alarma.
Os perigos que se aprecian na zona son evidentes e, aínda que o Concello adoptou as medidas necesarias de seguridade poñendo enreixado para evitar o acceso ao mesmo e sinalando a zona, foron varias as ocasións nas que as mesmas estaban movidas ou desapareceron do lugar, segundo informa o alcalde, Horacio Gil. O rexedor tamén indicou que será unha empresa local a que se ocupará da mellora das instalacións.