“Esta situación pon en evidencia o mal estado da infraestrutura, a falla de investimentos nos últimos anos, e o feito de que temos un tren do século XIX” denunciou o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará.
Nese sentido, Bará anunciou que a fronte nacionalista presentará na cámara galega novas iniciativas para urxir investimentos que “melloren a rede ferroviaria, aposten na conexión con Portugal a través da saída sur e resolvan o feito de que o tren continúe a pasar por medio da vila do Porriño”.
“Temos un moi mal servizo de comunicación ferroviaria, en frecuencias e horarios e tamén en tempos de viaxe” valorizou o deputado. “Seguimos chegando antes en autobus que en tren”, remachou.
Tren estratéxico para Vigo
Para o BNG a potenciación do tren de proximidade e unha mellora substancial das conexións de media distancia son factores esenciais para un política de mobilidade sustentábel e que vertebre o territorio.
A este respecto, o responsable local do BNG de Vigo, Serafín Otero, reclamou “compromisos reais e efectivos” por parte do Goberno español e da Xunta de Galiza para reforzar o tren. “Se dedicaran a metade do esforzo que gastan en propaganda do AVE -que non da chegado- en poñer recursos e medios para mellorar a conexión por tren Galicia seríamos unha potencia ferroviaria”, ironizou Otero.
En opinión do dirixente nacionalista para a cidade de Vigo “unha mellor conexión ferroviaria e, especialmente, a saída sur” é algo “estratéxico”. Igualmente, volveu urxir a posta en marcha da estación intermodal na nova estación “inda por rematar”.