O Concello de Arbo informou este domingo de que recibiu a comunicación por parte do Comandancia Naval da reapertura da pesca tradicional da lamprea no río Miño. «Dende o Concello, queremos solicitar a colaboración dos pescadores para que se ciña exclusivamente a pesca mantendo a distancia de seguridade de alomenos dous metros e todas as medidas establecidas polo Goberno de España», sinalan nun comunicado.
Os alcaldes de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente solicitaran o pasado sábado a reapertura da pesca da lamprea logo de coñecer que Portugal fixera o propio nos municipios da beira lusa. Na reunión decidiron remitir un escrito conxunto dirixido á Delegación do Goberno en Galicia solicitando a reapertura da temporada de pesca tradicional nas “Pesqueiras” do tramo internacional do Miño, tendo en conta que este tipo de actividade esta considerada como pesca tradicional con destino a autoconsumo.
Na tarde deste domingo, o Concello de Arbo recibía comunicación da Comandancia Naval do Miño, onde se informaba de que a solicitude tiña resposta afirmativa e queda reaberta a pesca tradicional dende ás 1:00 horas do 4 de maio.