Os traballos consistirán no fresado e reposición de firme en varios treitos, que constitúen a maior parte da estrada, e nun dos tramos executarase unha capa de microaglomerado en frío. Por outra banda, revisarase a sinalización vertical de velocidade, elevaranse varios pasos de peóns e estreitaranse os carrís na proximidade dos pasos de peóns, coa finalidade de calmar o tráfico. Amais, reordenarase a explanada existente nas inmediacións do colexio de Valeixe e redistribuiranse os espazos da plataforma nun treito para favorecer o tránsito peonil.
Esta obra foi aprobada na Xunta de Goberno da Deputación do 26 de xullo, dentro dun paquete de diversas melloras nas estradas provinciais por un importe de 2 millóns de euros en cinco concellos da provincia. Estes traballos están destinados a consolidar o modelo de estradas que ten en marcha a institución provincial para “recuperar a seguridade viaria, a mobilidade peonil e os espazos públicos para a xente”.