A Deputación de Pontevedra analizou co Concello das Neves a situación da estrada provincial EP-4204 As Neves-Estación para poñer en marcha un proxecto de mellora da mobilidade peonil.
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde das Neve, José Manuel Alfonso, para incorporar as demandas do goberno local ao proxecto que vai redactar o servizo provincial de Infraestruturas.
En liñas xerais, Couselo e Alfonso realizaron un percorrido pola estrada provincial e estudaron as diferentes alternativas para avanzar na construción dunha vía máis segura para o tránsito peonil. Deste xeito, tal e como avanzaron, está previsto que o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na EP-4204 incorpore actuacións de humanización.
A deputada provincial Isabel Couselo aproveitou a súa visita ao Concello das Neves para supervisar as estradas provinciais que atravesan o termo municipal e coñecer, da man do alcalde da vila, as necesidades e demandas do goberno local en canto a estas vías.