“Seguimos a dar pasos adiante para que as empresas teñan cada vez máis facilidades para instalarse na Comunidade”, dixo Feijóo subliñando que estes 350.000 metros cadrados corresponden a 45 parcelas situadas nas fases 1 e 2 da plataforma loxístico-empresarial.
Durante unha visita as obras da EDAR e ETAP da Plisan, Feijóo precisou que o prazo de presentación de ofertas irá desde mañá día 11 ata o 30 de setembro deste ano; e as parcelas serán adxudicadas en compra ou en dereito de superficie.
Así mesmo, a superficie das parcelas oscilará entre os 2.104,26 metros cadrados e os 30.792,93. E o prezo medio de saída estará por debaixo dos 60€/m2, un prezo que baixará dunha forma notable ata os 0,70 euros/m2 ao ano para aquelas empresas que opten polo dereito de superficie.
Feijóo resaltou ademais que as principais infraestruturas e trámites para que se poida iniciar o asentamento empresarial xa están en marcha, referíndose especialmente á EDAR e á ETAP, co obxectivo de que estean finalizadas no primeiro semestre de 2020. E estímase que, no primeiro semestre dese mesmo ano, as empresas que o desexen poidan comezar as obras necesarias para asentarse.
Máis de 231 millóns de euros de investimento
Cómpre salientar que esta plataforma conta cun investimento superior aos 231 millóns de euros por parte das tres entidades promotoras –Xunta, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca-, dos cales: 97 millóns se investiron en actuacións xa rematadas, como traballos técnicos, adquisición de terreos e obras de movementos de terra e da primeira fase dos sistemas xerais; 20,6 millóns estanse a executar nas obras da ETAP, da EDAR e na urbanización da Zona LE da primeira fase, entre outros aspectos, e 88,6 millóns para a execución das restantes actuacións previstas como a urbanización completa e as vías interiores.
“E, a maiores, a Axencia Galega de Infraestruturas realizou un investimento de case 25 millóns na conexión da Plisan coa AG-51”, precisou, incidindo no compromiso da Xunta en todo este tempo para conseguir sacar adiante o proxecto, desbloqueándoo e achegando seguridade xurídica.
Por outra banda, e ademais do investimento para a conexión coa AG-51, Feijóo subliñou que o Instituto Galego da Vivenda e do Solo executou as obras de urbanización dos sistemas xerais da primeira fase, xa rematadas, encargándose actualmente das obras de construción da EDAR e da ETAP por un investimento total de máis de 10M€.
Censo de Solo Empresarial
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego lembrou que a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves non é o único proxecto que a Xunta ten en relación ao solo empresarial. Non en van, a Administración autonómica conta con: 442 parcelas dispoñibles para a venda en toda Galicia, que suman 1,22 millóns de metros cadrados en 33 parques empresariais, en condicións de ser ocupados de xeito inmediato; 5 parques empresariais en desenvolvemento de xeito inmediato e 2 nos que se traballa a medio prazo.
Así mesmo, salientou as bonificacións ao chan industrial, recordando que, desde 2015 ata o momento, alcanzan os 60 millóns de euros. “E acabamos de aprobar un decreto para regular o censo de toda a superficie industrial que se poida acometer en Galicia, xa sexa por parte dunha administración pública ou dunha entidade privada”, engadiu, incidindo en que o obxectivo é dar información a calquera persoa que queira investir en Galicia: onde poder comprar, prezos, destino comercial do chan, “en definitiva, informar sobre toda a capacidade industrial que temos instalada”.
Nesta mesma liña, resaltou que grazas a medidas como a Lei de implantación empresarial, Galicia xa conta con 112 Concellos Emprendedores que favorecen a captación de investimentos; reduciuse á metade os prazos de tramitación para Iniciativas empresariais prioritarias; e contribuíuse a que na Comunidade se estean executando, neste momento, máis de 2.000 millóns de euros de investimentos no sector industrial.