Neste caso leváronse a cabo labores de conservación de solos, reparación de infraestruturas e aproveitamento de madeira queimada. En canto á conservación do chan, realizouse unha mapificación da zona e procedeuse ao acolchado de palla mediante mulching manual (actuouse nunhas 8 hectáreas) e helimulching, empregando un helicóptero para estender o material (aproximadamente 90 hectáreas). Ademais, situáronse barreiras filtrantes, para evitar arrastres, nun total de 3.000 metros lineais.
No que atinxe á reparación de infraestruturas, arranxáronse cunetas, con traballos executados en 2.800 metros lineais, e fixéronse intervencións puntuais, manuais e mecanizadas, de corrección de arrastres e reparacións nas zonas de captación de augas. Así mesmo, levouse a cabo a reparación de firmes de pistas. Por último, con respecto ao aproveitamento de madeira queimada, actuouse mediante o seu sinalamento nunha superficie de arredor de dúas hectáreas.
Orzamento
Medio Rural destina un orzamento de sete millóns de euros para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas. Nunha primeira fase estase traballando nalgúns dos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo do ano 2017 e, nunha segunda etapa, actuarase naqueles onde sexa preciso. As accións realízanse a través de encomendas de xestión, para as cales hai un presuposto de 3 millóns para o ano 2017 e os outros 4 millóns para o 2018.