Á marxe do Plan Concellos, As Neves recibirá neste 2017 outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o concello poderá concorrer.
Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou ás Neves un total de 847.415,71 euros (unha media de 208,4 € por habitante), dos cales 527.156,71 € se corresponderon co “Plan Concellos 2016”. Tamén, a institución provincial investiu 139.000 € en mobilidade, 37.000 € en cohesión social e xuventude, 20.000 € en cultura e lingua, 20.000 € para o fomento do emprego, 16.000 € para o impulso do deporte e outros 7.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.
Ademais, As Neves recibiu 70.000 € no marco do PICEI (Plan de Investimentos en Equipamentos e Infraestruturas) para a mellora e conexión das captacións de abastecemento de auga e, ademais, unha axuda de emerxencia de 20.000 € para financiar os gastos ocasionados polos incendios forestais que padeceu a vila durante este ano.
Con respecto ao “Plan Concellos”, a través da liña 1, investíronse 315.201,40 € para financiar a construción dun muro de contención de terras no Centro Cultural Santiago de Ribarteme, a mellora da pavimentación de camiños municipais, a mellora da eficiencia enerxética e das medidas de seguridade en cadros de alumeado público, melloras en dous camiños municipais: os de Cobalagarto e Pozas, obras de execución de áreas de reciclaxe, a ampliación de melloras no abastecemento de auga, obras de paso no arroio Lobeira en Taboexa, unha actuación no parque infantil da Praza do Concello, obras de conservación e restauración de edificacións municipais, a reparación da pista que une os núcleos de Rodeiro e San Xosé de Ribarteme, subministros varios para diferentes servizos municipais, a adquisición de mobiliario para as oficinas municipais e a reparación da estrada de Penlas, que quedou afectada a consecuencia das chuvias torrenciais producidas o pasado mes de febreiro. Ademais, 77.163,34 € para o pagamento de gastos correntes en liña 2, outros 11.500 € en liña 3 destinados a actividades como a promoción do deporte, o Outono de Teatro, a promoción da cultura musical, a promoción do turismo local, a programación cultural de Nadal, o ciclo de Cine de Inverno, actividades relacionadas con Muller e Igualdade e os actos culturais da XI Festa do Tinto Rías Baixas e a XXV Feira do Requeixo e do Mel e, grazas á liña 4, creáronse 9 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 114.463,27 €.
Á marxe do “Plan Concellos 2016”, As Neves tamén recibiu 19.572,70 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 30 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como coas axudas á rehabilitación e á sinalización do patrimonio histórico-cultural e memoria histórica e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 36.915,13 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (da que se benefician 9 persoas) ou ben mediante os programas “En Ruta coa Depo”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 9 nenas e nenos do concello.
Do mesmo xeito, As Neves recibiu 16.213,45 € para o deporte federado de base, a Copa de fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas, a participación en ligas e competicións oficiais e as “DEPOrte Escolas” de fútbol e patinaxe, así como 20.045,76 € destinados ao fomento do emprego a través do Plans de Práctica Laboral, que está a permitir que dúas persoas poidan desenvolver a súa primeira experiencia laboral no concello das Neves. Tamén se achegaron 7.223,70 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través do programa “Conectadas 2016” e para a creación dun plan de igualdade de oportunidades municipal e outros 139.116,96 € en materia de mobilidade, en concreto para o “Plan Móvese” e as obras de sinalización horizontal nos viarios provinciais.