Abel Caballero recibiu este luns ao seu homólogo de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, quen lle manifestou a súa vontade de formar parte da Área Metropolitana, logo da decisión tomada no Pleno do Concello, e amosou o seu «acordo total» co borrador defendido por Vigo no que se contempla a constitución con 14 municipios e a ampliación posterior, como primeira decisión do ente supramunicipal, ata os 21 concellos que teñen solicitado integrarse nel.
Segundo explicou o rexedor vigués, coa incorporación de As Neves xa son 15 os municipios que concordan co texto (As Neves, Moaña, Cangas, Tomiño, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, Nigrán, Porriño, A Guarda, Vilaboa, Fornelos), que están de acordo coa forma de desenvolver a Área Metropolitana e coa necesidade de que se poña en marcha canto antes; concellos que «gobernamos 480.000 habitantes e que representamos a heteroxeneidade e diversidade da política» xa que pertencen a diferentes grupos políticos; «os únicos que non están de acordo son os concellos nos que goberna o Partido Popular porque teñen unha directriz directa de Feijóo, que son Redondela, Mos, Soutomaior, Baiona, Salvaterra e Pazos de Borbén». Segundo Caballero, «Feijóo non quere a Área Metropolitana e vai facer todo o posible para que non haxa Área en Vigo» engadindo que pese a isto «a Área xa é irreversible».
Así mesmo, o alcalde vigués adiantou que está mantendo contactos para fixar unha posible reunión a próxima semana á que estarán convocados 15 concellos para escenificar este acordo do 86,5% da Área Metropolitana.