O centro das Neves xa conta cun espazo renovado e humanizado entre o colexio Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de San Agostiño, a través da rúa Rosalía de Castro, grazas ás obras de mellora da seguridade viaria que se executaron ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra. O deputado Gregorio Agís, acompañado polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, visitou esta actuación, na que se investiron 254.868 euros, o 90% aportado pola institución provincial e o restante 10% polo Concello.
Gregorio Agís puxo en valor a relevancia desta actuación “onde o espazo público se pon a disposición das persoas e onde se establece o tráfico en condicións de seguridade”. “Sen dúbida”, engadiu, “transforma todo este entorno urbano cumprindo cos obxectivos que se fixaron”. Ademais, Agís subliñou que o Plan DepoRemse, cun orzamento total de 11 millóns de euros, fai posible “algo tan importante como investir nestes concellos do ámbito rural e colaborar man a man con eles para acometer obras que, doutro xeito, seríanlles moi complicadas de afrontar”.
Neste eido coincidiu o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, que fixo fincapé en que “os concellos rurais construímos elementos de calidade grazas ao apoio económico da Deputación”, polo que agradeceu á institución que teña feito posible “unha obra fundamental”. Por último, o alcalde resaltou que “traballamos co concepto de gañar espazo para as persoas e afortunadamente coincidimos coa Deputación nesa maneira de entender o urbanismo”.
A actuación, nunha zona de especial tránsito ao transcorrer polo centro urbano e o colexio, permitiu darlle un cambio radical a este espazo proporcionando unha mobilidade segura e dándolle prioridade ás persoas. Os traballos enmárcanse no proxecto integral de mobilidade que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra baixo a premisa de garantir a seguridade, a accesibilidade e a recuperación de espazos públicos para as persoas.
Unha vez rematadas as obras, a praza de Santo Agostiño, que antes estaba invadida de coches, foi reordenada cunha plataforma única de pedra seguindo a tradición dos pavimentos utilizados no centro da vila. Este novo empedrado conta ademais cun despece para facilitar a flexibilidade dos espazos nos que está permitida a circulación de vehículos. En canto ás obras realizadas na contorna do colexio, consistiron na ordenación de todo o aparcamento, que anteriormente era unha simple explanada.
Deste xeito, a zona quedou acondicionada cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos de aparcamento e coa identificación mediante marcas viarias dos destinos de cada un dos autobuses. Ademais, tamén se deu solución a unha demanda histórica da comunidade escolar ao retirar unha torre de Fenosa. No que atinxe á rúa Rosalía de Castro, o obxectivo era ofrecer un itinerario peonil accesible e seguro entre o colexio e o centro da vila. Para isto, ampliouse unha das beirarrúas e na outra executouse un aparcamento en liña. Finalmente, o viario quedou de sentido único en dirección ao colexio, cun carril de circulación de 3 metros e con pasos de peóns reforzados con luminarias no chan para unha mellor visibilidade.
Dende 2015, tal e como enxalzou Gregorio Agís, a Deputación de Pontevedra realizou investimentos de máis de 5,5 millóns no municipio, entre eles o Plan Concellos que permitiu realizar máis de 50 obras e sufragar actividades culturais, amais da liña de emprego, que permitiu contratar nestes anos a 75 traballadores e traballadoras.