A este primeiro concerto, acompañando ás veciñas e veciños de As Neves, acudiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, xunto co resto dos membros do Goberno municipal.
Carmela Silva salientou o seu compromiso e o da Deputación na “mellora das infraestruturas culturais dos concellos da provincia” dentro do obxectivo de potenciar o equilibrio entre eles e, subliñou,“porque os e as cidadáns dos concellos da provincia, vivan onde vivan, teñen as mesmas necesidades e os mesmos dereitos”.
O alcalde asegurou que a nova ‘Casa da Música’ é “unha obra excelente porque tamén é excelente o é o traballo dos membros da banda e da escola de música”. Xosé Manuel Rodríguez Méndez amosouse confiado en que “estea á altura dunha tradición que hai en Rubiós, a parroquia da música de As Neves dende hai máis de 135 anos”.
Rodríguez Méndez engadiu que a reforma responde a unha necesidade da sociedade, posto que esta nova ‘casa’ de As Neves cumpre unha dupla finalidade: “albergar á banda de música, albergar as ensinanzas musicais e servir, ademáis, ás necesidades da parroquia”.
400.000€ de inversión
Os traballos, que van permitir reforzar o uso destas instalacións para actividades culturais diversas conclúen un proxecto financiado pola Deputación, ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos 2018-2019, no que o investimento final foi de 401.435€.
Máis polo miúdo, as obras consistiron na construción dun novo volume anexo ao centro polo escenario, con destino a camerino e almacén, cun acceso independente ao edificio e que serve de complemento ao salón de actos.
Do mesmo xeito, se habilitou un novo corredor que posibilitará no futuro a unión do vestíbulo do centro cultural coa antiga casa dos mestres e co novo volume dos camerinos, mellorando a accesibilidade entre ambos espazos. E, no eixo deste corredor, creáronse tres novas salas polivalentes. O conxunto ten tamén un novo acceso polo norte, cunha parcela que se acondicionou como aparcamento.
O novo edificio desenvólvese nunha única planta, dun xeito funcional e accesible. Os novos volumes foron executados en formigón armado visto, con grandes panos acristalados que matizan as unións entre eles.