A reforma da EP-4006 abrangue case 13 quilómetros dunha vía que articula esta parte tan importante do territorio e que enlaza coa autovía A-52. En concreto, a obra consistiu no fresado e reposición de firme en varios treitos da estrada (49.425 metros cadrados), para o que se necesitaron unhas 5.800 toneladas de formigón bituminoso, 290 toneladas de betún asfáltico, e na execución de microaglomerado en frío (48.300 m2). Amais tamén se levou a cabo o pintado da estrada, renovouse a sinalización horizontal e impulsáronse actuacións do Plan Móvese.
Silva asegurou que a estrada aposta polo modelo de mobilidade e seguranza viaria da Deputación de Pontevedra. “É unha obriga ética das administracións recuperar o espazo público para as persoas e situalas no centro das decisións”, destacou a presidenta provincial. Deste xeito, tal e como afondou Silva, o modelo de mobilidade da Deputación céntrase na seguridade das persoas, no calmado do tráfico e no compromiso co planeta. “Ao ano no mundo morren 7 millóns de persoas por contaminación atmosférica así que dende o local temos que tomar medidas e manter un compromiso firme co planeta”, destacou a presidenta.
Pola súa banda o alcalde accidental de Salvaterra, Ernesto Groba, destacou a importancia da actuación desenvolvida para a seguridade da xente e a redución da velocidade dos vehículos. Tamén neste aspecto incidiu o alcalde das Neves quen aproveitou para agradecer á Deputación “o seu interese por esta zona do sur, xa que o equilibrio é necesario en todo o territorio”. Finalmente, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, amais de insistir na seguranza viaria tamén subliñou a repercusión medioambiental da actuación, “xa que a redución da velocidade implica que contaminemos menos”.