Como se manifestou na xornada, o turismo está a ser clave para desestacionalizar, redistribuír os fluxos e atraer visitantes que xeren sustentabilidade económica e ambiental a todo o territorio galego, ao tempo que contribúe a recuperar e preservar o noso patrimonio. Neste sentido e en referencia a localidades do interior galego como As Neves e o xeodestino Condado-A Paradanta, Nava Castro animou a explorar as numerosas oportunidades que ofrecen no eido turístico aspectos como a súa importante tradición vitivinícola e termal, o turismo activo ou a súas máis de media ducia de festas de interese turístico, entre outras.
Un potencial que xa se demostra na Ruta da Lamprea que permite coñecer este xeodestino e ata 18 concellos diferentes ao redor deste singular recurso gastronómico. Xunto a esta experiencia, e como se puxo de manifesto nas xornadas, tamén se abren vías de promoción para este xeodestino da man de produtos cabeceira de marca Galicia como Paseando entre viñedos, ao redor do turismo enogastronómico; Mananciais de Galicia, ao abeiro do turismo termal; ou Santuarios Máxicos, para coñecer recursos como o Santuario de Santa María da Franqueira ou Santa Marta de Ribarteme.
Xeodestinos como estes son boa mostra do gran atractivo co que contan os concellos do interior galego. Traballando dun xeito coordinado e planificado no seu impulso turístico estas agrupacións de municipios están a permitir facer de Galicia un destino cada vez máis competitivo. Ao abeiro da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o departamento de Turismo da Xunta destina este ano máis de 1,5 millóns de euros para fomentar a creación e promoción de iniciativas turísticas en xeodestinos e agrupacións de concellos coa intención de poñer en valor o seu potencial como instrumentos de promoción e xestores do destino.
A IV Semana Gastrocultural está organizada polo centro de formación A Cancela e reúne estes días en As Neves a numerosos profesionais do sector turístico e enogastronómico que afondan nas posibilidades do emprendemento neste eido.