Redondela celebrará a chegada do mes das flores coa tradicional Festa dos Maios.
Unha vez pechado o prazo de inscrición, serán finalmente 25 maios, entre os tradicionais e os artísticos, os que estarán expostos para dar a benvida ao mes das flores.
No concurso que organiza o Concello premiaranse as mellores figuras segundo a súa tipoloxía, e tamén as composicións das coplas.
Conos e cruceiros, que son as estruturas enmarcadas na categoría de maio tradicional, compartirán espazo cos maios artísticos, de temática e forma libre, onde o único límite é a imaxinación dos participantes.
A concelleira de Cultura, Rita Pérez, sinala que a celebración non se limita á exposición de fermosas esculturas elaboradas con elementos naturais, “senón que é unha xornada na que a veciñanza de todas as parroquias se achega á vila para compartir un día de festa, ledicia e retranca”.
O 1 de maio os protagonistas desta festa son “os propios veciños e veciñas de todas as idades, que de xeito colaborativo realizan os maios tradicionais e artísticos, preparan as coplas e interprétanas para deleite de todo o público”, afirma Pérez Táboas.
O Concello, que destina unha axuda económica a cada maio que se presenta ao concurso, outorgará tamén un total de 12 premios repartidos a razón de 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional, e Premio ao maio artístico.
Todos eles teñen as mesmas contías económicas cun primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros.