Autopistas del Atlántico retomará este luns, día 27 de abril, os traballos de seguridade na Ponte de Rande e na estrada PO-10. Así o comunicou a empresa concesionaria tras recibir o visto e prace do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Segundo informou Audasa, os traballos comezarán ás 9:00 horas do luns e prolongaranse ata o xoves 30 de abril ás 13.00 horas e «sempre estarán disponíbeis 2 carrís por sentido». Ademais, engade que se por cuestión metereolóxicas non se puideran concluir os traballos, reiniciaranse o luns 4 de maio ás 9.00 horas ata o venres 8 de maio ás 13.00 horas.
No viaduto da PO-10 sobre a AP-9, que une o nó do Pino coa rotonda de Marín, os traballos levaranse a cabo dende as 9.00 horas do 28 de abril ata as 19.00 horas do 29 de abril. Estas obras poderán supoñer algún corte de carril de xeito alternativo, ademais de pechar momentaneamente a saída cara
a Vigo, coa alternativa para os vehículos de realizar un cambio de sentido na rotonda de Marín.
«A redución do tráfico, cun descenso superior ao 70% na intensidade media diaria (IMD) nas últimas semanas, supón unha oportunidade para materializar unha mellora duradeira cunha mínima afectación para os viaxeiros», asegura Audasa.
A concesionaria galega comezará tamén nos próximos días o reforzo do firme en puntos concretos da autoestrada e da estabilización de cembas relacionadas coa seguridade vial. Tamén se solicitou autorización para iniciar a campaña de vexetación para a mellora da visibilidade da sinalización, así como para prevención de lumes e a realización de traballos de mantemento no valado que evita o acceso ás propiedades contiguas.