A saída está prevista para as 23:30 horas dende o cruce da estrada do Viso coa que leva A Peneda a altura do establecemento comercial Carpintero. O inicio da marcha será puntual e membros da organización estarán cun posto de venda de fachos no lugar dende, aproximadamente, unha hora antes do comezo da marcha. «Esperamos a participación dunhas 500 persoas na festa», apuntan.
O ascenso é de 1.500 metros ata a zona da sobreira da Peneda, a escasos metros do cumio. O percorrido é doado por unha estrada asfaltada. O chegar alí, procedérase a lectura da invocación a cargo de Miguel Losada, da Sociedade Antropolóxica Galega. Prégase os asistentes non prender a fogueira ata que o indique a organización. Os fachos teñen que apagarse ó chegar o alto, pero sen prender o lume.
Tralas palabras de Losada, será o momento da fogueira. Nos instantes finais, é habitual a chegada do espírito de Pedro Madruga polo recinto da festa para facer a ‘purificasion’ e, a continuación, Noé Massó realizará a habitual queimada máxica. Sempre e o momento máis esperado da noite pola súa espectacularidade e, tamén, polo humor deste bruxo que non deixa indiferente a ninguén.
Rematará a Festa dos Fachos co reparto de rosquillas de Ponteareas para acompañar á queimada. Como os anos anteriores, a organización da Festa dos Fachos fai un chamamento ós músicos afeccionados ou profesionais que desexen animar a noite. Terán a súa disposición un equipo de son no palco da Peneda. Este punto é onde os organizadores solicitan a colaboración.
Dende o inicio do ascenso á Peneda, a festa dos Fachos terá a unha duración de entre dúas e tres horas. É un acto festivo e tamén de posta en valor dun dos lugares máis fermosos de Redondela e comarca. Esta festa é posible grazas a colaboración de numerosos colectivos veciñais dos municipios de Redondela e Soutomaior.