Trala adxudicación da obra na Xunta de Goberno, a Deputación de Pontevedra iniciará en breve as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2906 Os Valos-Guizán en Redondela, unha ambiciosa actuación que suporá a transformación integral desta estrada, na que se reordena a circulación peonil, ciclista e rodada baixo o modelo de mobilidade segura e centrado nas persoas da Deputación. Nestes traballos a institución provincial investirá un orzamento de máis de 320.000 euros e se prevé que estean rematados nun prazo de 5 meses.
Trátase dunha obra moi ambiciosa e esperada que afecta a un tramo de 740 metros desta estrada, que ten un total de 2,9 quilómetros e conecta a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550. Este treito é o máis densamente poboado da vía, de xeito que esta reordenación integral busca mellorar a seguridade, promover unha mobilidade urbana sostible para favorecer o transporte ciclista e peonil e reducir as emisións de carbono. O proxecto está financiado na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra, xa que a aportación do 30% do coste da obra que, segundo o convenio, ten que aportar o Concello de Redondela tamén se sufragará con recursos do Plan Concellos da institución provincial.
As obras contemplan a modificación da sección da estrada con solucións destinadas á mellora da mobilidade e o calmado de tráfico. Entre as actuacións previstas figura a creación na área de maior densidade dunha zona de convivencia entre peóns e vehículos, coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Crearase amais un carril peonil e ciclista e, para elo, habilitarase unha franxa con elementos separadores, de 50 centímetros de anchura, a fin de protexer a senda peonil ciclista, que terá outros 2 metros de ancho. Instalaranse tamén pasos de peóns elevados para primar a mobilidade peonil.
A actuación tamén permitirá reducir a velocidade do tráfico no viario a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, así como coa correspondente redución dos niveis de ruído, gases de efecto invernadoiro e emisións de CO2. Haberá para elo redutores de velocidade que tamén incidirán na seguridade da vía e no treito de plataforma única reducirase o límite aos 20 quilómetros por hora.
Amais, tamén se instalará un novo sistema de iluminación, coa substitución dos actuais farois, cun elevado consumo, por outros que reducirán o impacto enerxético e medioambiental. O alumeado optimizarase ás novas circunstancias de mobilidade integral. As obras completaranse co soterrado dos tendidos aéreos.