A Xunta de Galicia vén de licitar a obra de restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros, no concello de Redondela, unha intervención que ten como obxectivo resolver os problemas de estanquidade e ventilación deste templo, que data do século XIX e ten consideración de ben catalogado.
Cun orzamento de licitación de 61.816 euros, o programa de necesidades inclúe o cambio completo de cuberta da nave da igrexa. No caso da cubrición do cabido, ademais de renovala modificarase a súa pendente, co fin de mellorar a evacuación de augas pluviais. Así mesmo mudaranse as fiestras por outras novas con perfís de aceiro inoxidable mate que incorporen ventilación permanente.
A actuación inclúe tamén a substitución da marquesiña de chapa metálica do acceso á sancristía por unha nova con estrutura de madeira e tella.
Con esta restauración a Consellería de Cultura porá solución a algúns dos problemas derivados da última intervención neste ben, no ano 2002, cando se substituíron todas as cubertas e se construíu un cabido sobre columnas cadradas, cuxa cuberta foi executada con menos pendente da orixinal, que resultou moi escasa para a correcta evacuación das augas de chuvia. Ademais, as solucións de cubrición adoptadas naquel momento resultaron non ser axeitadas.
A maiores de resolver a entrada de auga e a ventilación, o fin último desta obra é a posta en valor deste ben para que poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sustentable e a promoción socio cultural, laboral e económica do ámbito territorial no que se atopa, aplicando criterios e políticas de actuación que persigan, ademais, o desenvolvemento local, a creación ou promoción do emprego e o respecto polo medio ambiente.