O pasado sábado o lugar apareceu sen o banco e uns visitantes atoparon a cadeira e a colocaron na súa ubicación habitual. Non obstante, non tiñan o material axeitado para suxeitalo nos seus ancoraxes orixinais e este luns desapareceu. Todo indica que, outra vez, o banco padeceu un ataque porque, de ser derribado polo vento, estaría nos arredores e non se atopaba entre os penedos de Chan da Rata.
A pesar de ser o día de inicio da semana e baixar a afluencia, a primeira hora da tarde deste luns ata unha ducia de persoas acudiron a descubrir o xa coñecido como ‘mellor banco do mundo de Redondela’. Non obstante, o que atoparon foi o seu lugar cos ferros que o mantiñan suxeito, pero sen nada máis. O camiño para chegar ó banco está perfectamente delimitado despois dos centos de persoas que acudiron ó lugar nas últimas semanas para gozar dunha das mellores panorámicas da Ría de Vigo que poden existir.
Ó parecer, o banco ten tanto éxito que parece que existe alguén que non está contento e adícase a boicotealo. Dende a súa colocación xa foron dous os ataques sufridos pola famosa cadeira. Que o ‘Galiza It’s Different’ regrese a enriba do seu penedo dependerá, unha vez máis, da vontade do veciño do lugar que instalou alí o banco. Aínda, así, en caso de quedar sen cadeira as vistas panorámicas dende o Chan da Rata non se poden eliminar ou boicotear. Con cadeira ou sen ela, continuará a ser unha das mellores visións do mundo.