O BNG denunciou este venres que o Concello de Redondela pagou á concesionaria da recollida de luxo, Urbaser, por servizos xa incluídos na concesión. A organización nacionalista considera que se está a gastar con cargo a fondos municipais por traballos que a empresa debería estar prestando segundo o recollido no prego de prescripcións asinado no seu día.
“Estamos ante un novo exemplo do descontrol das concesionarias de servicios privatizados”, sostén o voceiro da formación, Xoán Carlos González.
Segundo o conselleiro do BNG, durante o derradeiro trimestre de 2022 o Concello de Redondela pagou varias facturas por un importe total de 30.000 euros. Abonáronse facturas para o transporte de enseres, electrodomésticos e similares cando o contrato establece que son unha obriga de Urbaser.
“O goberno de Digna Rivas, lonxe de actuar con firmeza ante os incumprimentos da empresa, negocia unha refinanciación con cargo ás arcas municipais”, sinala o edil nacionalista. “Facturar a conta do Concello de Redondela por traballos que a empresa xa está obrigada a realizar, constitúe unha nova cesión”.
Xoán Carlos González afirma que os gobernos AER-PSOE e agora PSOE puxeron á administración local nunha situación de debilidade respecto a empresa do lixo. Como exemplo, expón que se tardara máis dun ano en sancionar á empresa por incumprimentos ou agardar ás denuncias do BNG para abrir expedientes.
O BNG considera que é obriga do Goberno municipal facer un seguimento exhaustivo de todas e cada unha das empresas que traballan para o concello. “Con cartos públicos estas empresas desenvolven negocios moi lucrativos, co que a supervisión do Goberno municipal debe ser constante para que se preste aos e ás redondeláns o servicio contratado”, afirma.
Asemade, recorda que a comisión de seguimento de servicios privatizados abandonouse durante o bipartito AER-PSOE. “Recuperaremos este órgano de participación de colectivos e forzas políticas sobre a xestión das empresas concesionarias de servizos privatizados”, avanza.
Xoán Carlos González afirma finalmente que “dende unha alcaldía do BNG crearemos a concellería de servicios privatizados, asumida por unha persoa con capacidade e iniciativa para exercer o debido control sobre as empresas que traballan para o concello, e para os veciños e as veciñas de Redondela”.