A administración local deseñou a programación deste Entroido de Verán coa intención de que fose o máis participativo, inclusivo e sostible posible. “Esperamos que a xente desfrute coma sempre desta festa que tanto apreciamos pero ao mesmo tempo nos gustaría que o comportamento fose máis cívico ca nunca”, comentou o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa. Para isto, a Concellería deseñou unha campaña de concienciación a través de diversos cartaces.
O Concello ten preparado un dispositivo de limpeza específico que se porá en marcha ás 06.00 horas do domingo –o servizo de autobús remata ás 05.00 horas-. “Confiamos en que os asistentes ao Entroido axuden ás brigadas porque a mellor maneira de limpar e non ensuciando”, sinala Boullosa.
Nesa preocupación polo medio ambiente, Redondela ten preparadas unhas barreiras para seren instaladas no río Alvedosa co obxectivo de atrapar os plásticos que accidentalmente poidan caer ó río. As barreiras polo de agora están nas beiras do río e só se atravesarán no caudal no momento en que comece a festa. A intención é intervir o menos posible no ecosistema fluvial.
Sesenta urinarios públicos
Na liña de tratar de manter as rúas e xardíns do casco urbano de Redondela no mellor estado posible, o Concello instalará para este Entroido 60 urinarios públicos, duplicando así o número fronte anos anteriores e aumentando sanitarios para persoas con mobilidade reducida.
Asemade, seguindo a liña dunha festa inclusiva e co obxectivo de eliminar o máximo de barreiras físicas e cognitivas posibles, instalaranse ramplas de acceso e zonas especialmente habilitadas nos concertos para que as persoas con mobilidade reducida poida desfrutar das actuacións programadas.
A maiores, colocaranse pictogramas en diferentes puntos chave da vila, que indiquen as zonas e servizos principais. E, por suposto, está deseñado un plan de seguridade coas medidas axeitadas para este tipo de eventos.