O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, a instancias da Xunta de Galicia, comezou este martes a desinfección dos exteriores do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, no marco do operativo activado a escala autonómica nas residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de saúde de 200 concellos galegos. Está previsto ademais que unha empresa contratada polo Goberno galego procederá a limpeza do interior este mércores.
“No CAPD de Redondela seguíronse os protocolos establecidos, despois da detección dun positivo de COVID-19 nunha das persoas residentes. Activáronse todas as medidas de resposta contra o virus e realizáronse as probas necesarias nos casos que indican os profesionais de Medicina Preventiva”, asegura a Xunta, que foi criticada nas últimas horas polo sindicato CIG. A plataforma denunciou un “caos organizativo” derivado dunha posible falta de medios de protección, de desinfección e de probas aos usuarios e o persoal, afectado polas baixas.
A Xunta salienta que o centro conta con equipos de protección individual (EPIs), unha dotación que se reforzou este martes co envío desde a Delegación Territorial da Xunta en Vigo de batas de protección e máscaras.
No CAPD de Redondela, que conta con 120 prazas, atópanse illados nestes momentos por precaución seis residentes, ademais da persoa que deu positivo.