Carmela Silva sinalou que “o Castelo volveu abrir este martes, como tivemos previsto”. A Presidenta lembrou que este foi un dos grandes afectados polo temporal que sufriu Galicia os pasados días, o que fixo que “o persoal do Servizo de Medio Ambiente tivese que traballar arreo durante días e coa axuda de maquinaria especializada” para a realización das tarefas de reparación, que consistiron “na retirada das árbores de grandes dimensións, que foron arrincadas de raíz, e tamén das pólas que quedaron soltas nas copas e as que quedaron tiradas polo solo”. En canto á situación actual do Castelo de Soutomaior, Silva sinalou que “a día de hoxe xa está habilitada a zona do parque para o seu uso e para a realización de visitas, e malia que as zonas do bosque e do viñedo xa están libres e transitables aínda queda traballo por facer para retirar o resto das pólas que seguen espalladas polo chan”.
A presidenta provincial fixo unha avaliación dos danos que sufriu o complexo, os cales estimou “en arredor de 100.000 euros para facer fronte á reposición da situación”. Esa cantidade vaise dedicar “a repoñer as árbores, os camiños, o mobiliario e os muros que foron afectados”. Carmela Silva asegurou que “vaise facer de forma inminente porque este Castelo ten que ter unha atención inmediata por parte da Deputación” e sinalou que “malia que os danos foron importantes, xa puidemos abrilo ao público para que recupere a súa actividade e que a xente volva a este recinto”.
En canto ás incidencias máis salientables rexistradas no Castelo de Soutomaior, Carmela Silva nomeou que tanto o mobiliario como a estrutura da finca quedaron afectados, chegándose a perder a corrente eléctrica das instalacións, ou os danos no plástico que recobre o invernadoiro (que foi raxado). Ademais, “o recinto estaba absolutamente intransitable por mor das numerosas árbores que caeron e tamén polas pólas que quedaron suspendidas con risco de caída”, sinalou a presidenta provincial. De feito, “para retiralas foi necesaria a intervención dunha grúa que estivo traballando durante días”, engadiu.
No complexo de Soutomaior perdéronse unhas 20 árbores, entre elas un pinsapo centenario que causou danos na zona amurallada, dúas tuias que impediron o paso dos vehículos, unha delas esmagando a varanda do muro e outra danando dous cordóns do viñedo, unha carballiza centenaria de máis de 20 metros de altura que ocasionou o derribo de parte dunha camelia tamén centenaria (que, como sinalou Carmela Silva, “teñen unha enorme capacidade de recuperación e polo tanto poderase recuperar, o que é unha alegría”), un cedro de Portugal que esnaquizou un dos bancos do parque ou outro cedro diante da Capela que cortou a estrada pola que se accede a ela e tamén afectou ao moliño. As árbores máis afectadas na parte do bosque foron o ciprés, a acacia e o érbedo, pero tamén se perderon carballos, pinos e eucaliptos.
Referente de turismo familiar
Por outra banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e do deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou as tres novas rutas de sendeirismo creadas no Castelo de Soutomaior ao abeiro do Plan de Usos do edificio. No marco deste plan, Silva anunciou un investimento de preto de 4 millóns de € nos próximos dous anos, dos cales neste ano a institución provincial achegará 600.000 € para, entre outras cuestións, a musealización do Castelo de Soutomaior.
Carmela Silva manifestou que o obxectivo da Deputación de Pontevedra é o de “converter ó Castelo de Soutomaior nun referente turístico na provincia dirixido ó público familiar e por iso estamos a poñer en marcha actuacións como as tres novas rutas de sendeirismo e outras moitas ligadas ao enoturismo, á camelia e á cultura, reeditando as visitas teatralizadas pero impulsando novas actividades como obras de teatro ou tardes de cinema ao aire libre”.
En concreto, a presidenta da Deputación acompañada do alcalde de Soutomaior e do deputado de turismo percorreron unha das tres novas rutas que a institución provincial puxo en marcha no recinto do Castelo e abranguen preto de 5 quilómetros de percorrido. A ruta que seguiron, denominada “das camelias”, ten 900 metros de distancia e discorre, tal e como asegurou Silva, “arredor do castelo, comezando na escalinata de acceso ao parque e bordeando as edificacións do Castelo a carón das que se sitúan exemplares de camelias do século XIX e árbores singulares de Galicia como a sequoia, o falso ciprés de Lawson, un cedro xaponés e unha araucaria chilena”.
Xunto á “ruta das camelias”, a institución provincial puxo tamén en marcha dúas rutas circulares denominadas “ruta da Fraga” e “ruta dos viñedos”. A primeira delas ten un percorrido de 2,1 quilómetros que atravesan dende un pequeno regato ata lugares como a capela de San Caetano, a cadeira da Raíña e bosques de castiñeiros e carballos. A segunda delas, cunha distancia de 1,9 quilómetros, permite ás persoas interesadas visitar as 3,5 hectáreas de viñedos Rías Baixas que existen – tal e como manifestou Carmela Silva – no parque do castelo.
Ao respecto destas actuacións, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, agradeceu a “lealdade institucional sincera da Deputación de Pontevedra que está a permitir poñer en valor o recinto do Castelo de Soutomaior” e amosou a súa “colaboración con todo o que ten que ver coa promoción turística deste recinto”