O persoal do Centro de Atención a Persoas con Discapacidades (CAPD) de Chapela-Redondela reclamou este domingo quedar confinado tras confirmarse un positivo por coronavirus nun residente. A CIG informou nun comuncado que os traballadores denuncian que estiveron a traballar sen material de protección e teñen medo a contaxiar as súas familias se regresan aos seus domicilios.
O temor e a preocupación estendeuse entre o cadro do persoal do CAPD a mañá do domingo nada máis coñecerse a noticia de que un residente permanece illado no centro tras dar positivo por coronavirus. “Todo este tempo estivemos a traballar sen material de protección, porque o pouco que había gardábase para cando se detectase un caso de Covid-19, e que hai agora var dar para pouco tempo”, explica un delegado da CIG que traballa no centro dependente da Consellaría de Política Social.
Por iso os traballadores non queren regresar ao seus domicilios cando remate a súa quenda de traballo, por medo a contaxiar as súas familias no caso de que tamén sexan portadores/as do virus. “De feito, temos un compañeiro que leva días na casa con febre”.
En consecuencia, reclaman quedar confinados nun establecemento hoteleiro ou nalgún outro sitio habilitado para poder pasar a corentena con seguridade e tamén que se lles practiquen as probas para descartar posíbeis contaxios.