O Concello de Redondela vén de anunciar a apertura de máis dunha vintena de expedientes sancionadores polo abandono de vehículos en todo o termo municipal. Con esta medida, o Executivo local quere poñer fin “á imaxe de descoido e deixamento” que orixina esta situación, amais “do seu impacto medioambiental”.
A Policía Local e a Concellería de Medio Ambiente iniciaron a apertura de ditos expedientes para que, tras a correspondente notificación aos propietarios ou propietarias, estes procedan a súa retirada no período que se estableza.
Segundo o Concello, hai vehículos que levan máis de dous anos estacionados na vía pública, a maiores dos que se atopan inmobilizados no anexo da xefatura da Policía Local redondelá, na base de Grúas Rivera, empresa adxudicataria do servizo do guindastre municipal.
Lamenta o Goberno local que o deixamento do Goberno do PP chegara ao punto de “deixar vencer un convenio que tiñan asinado coa Deputación de Pontevedra pola que o organismo provincial, sen custe algún para os concellos, procedía á retirada dos vehículos para a súa posterior reciclaxe”. Dito convenio, “rematou sen que fora utilizado o que fala, ben as claras, do grado de desidia do anterior Goberno”, explica o Goberno local.
Digna Rivas adianta que o Concello de Redondela “está a espera dunha nova convocatoria desta iniciativa da Deputación para poder adherirnos ao mesmo e evitar que estas situacións volvan a producirse”.
Dende o Concello faise un chamamento “á colaboración cidadá tanto á hora de non abandonar os vehículos coma de dar conta de casos de automóbiles abandonados” utilizando para iso ou as redes sociais do Concello, dirixíndose á Policía Local ou mediante escrito dirixido ao Concello de Redondela “para a súa posterior tramitación e inicio dos procedementos establecidos para a retirada de ditos vehículos”.