Este venres, 22 de marzo, celébrase o Día Mundial da Auga e Redondela quere conmemorar esta data coa proxección do documental “A auga que trouxeron”, organizada pola concellería de Infraestruturas e Sostibilidade.
Este traballo audiovisual constrúe un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia, resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, pois en moitos casos foron os propios veciños quen as construíron, financiaron e xestionaron.
Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial do país, cunha alta dispersión da poboación no territorio, unha realidade que permanece a día de hoxe, xa que aínda son moitas as traídas veciñais que seguen a facer unha xestión autónoma da auga.
O documental, unha produción de Trespés Filmes, olla cara o pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural sen servizos básicos garantidos.
Tamén analiza o presente, cos seus retos e conflitos, e aborda un futuro complexo para as traídas veciñais de augas que deben facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.
“A auga que trouxeron” é un documental dirixido por Beatriz Vázquez Campaña, autora tamén do guión xunto a Alberte Román Losada. Poderá verse ás 20:30 no auditorio da Xunqueira, con entrada de balde.