O Concello de Redondela entregou este venres o III Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético cunha emotiva gala presentada pola xornalista redondelá Laura Vaqueiro. Este premio naceu co obxectivo de recoñecer “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias”, como explicou a alcaldesa Digna Rivas.
Ana González Liste é a gañadora desta edición cunha reportaxe sobre a vida das mulleres galegas vítimas de violencia de xénero que contan con seguemento telemático por parte da policía. A concelleria de Igualdade, Iria Vilaboa, salientou que este ano presentáronse 12 traballos en diferentes formatos, “o que pon en valor a calidade da reportaxe gañadora, que competía con outros traballos que poden resultar máis atractivos como pode ser un audiovisual”.
A premiada manifestou que é “un orgullo recibir este premio que leva o nome de Sesé Mateo” e agradeceu “a xenerosidade das mulleres que confiaron en min e dedicáronme o seu tempo para que esta reportaxe fose posible”.
Un dos protagonistas da cita foi Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo, quen agradeceu que a memoria da súa nai se manteña viva grazas a este premio, falou do seu traballo como axente de igualdade e pediu a todo o público que traballen tamén no seu entorno “como axentes do cambio”.