Esta semana vén cargada de actividades de ecoturismo en Redondela. Dentro da programación dos Roteiros Ambientais que organiza o Concello celebraranse catro saídas: unha ruta guiada polo río Fondón, en Chapela, unha xornada xogos de orientación para a rapazada na praia da Punta, a visita nocturna ao litoral de Cesantes e unha actividade de observación nocturna da Ría de Vigo desde o Viso.
As actividades, organizadas polas concellerías de Turismo, Medio Ambiente e Sostibilidade, son gratuítas.
Trátase dunha proposta do Concello de Redondela que está a ter moito éxito, tanto entre os visitantes como entre a propia veciñanza de Redondela. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, destaca a «transversalidade» destes roteiros “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”.
O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.
Xoves 15 de agosto: Ruta ambiental polo río Fondón. Os amantes da natureza poderán gozando do patrimonio natural e etnográfico do río Fondón e a súa contorna. A actividade comezará ás 10:00 e rematará as 13;00 horas. As persoas que previamente se inscriban terán que reunirse no CEIP Igrexa, en Chapela.
-Venres 16 de agosto: Orientaventura na praia de Cesantes. Os xogos de orientación e de aventuras está dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 16 anos. Actividade de 18.30 a 20.30 horas.
-Sábado 17 de agosto: Ruta nocturna na Punta de Cesantes. Os visitantes poderán coñecer a riqueza natural do areal e a enseada de San Simón desde unha óptica diferente, cando o sol se agocha. De 21.00 a 23.15 horas.
-Domingo 18 de agosto: Observación panorámica nocturna desde o Viso. Esta actividade é unha das novidades da programación deste verán. Os participantes poderán gozar das vistas panorámicas que ofrece o Miradoiro de Outeiro Grande sobre a Ría de Vigo. Todo un espectáculo que contará coas explicacións do guía para unha observación natural e xeográfica óptima. O punto de encontro será no propio Miradoiro de Outeiro Grande, e a actividade será de 21.00 a 22.30 horas.
Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.