A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a deputada do Grupo Socialista do Parlamento de Galicia, Leticia Gallego, visitaron este mércores os terreos da finca da Ginaria, en Chapela, postos a disposición da Xunta de Galicia para a construción dunha escola infantil para a parroquia. Gallego lembrou que o o seu grupo presentou unha emenda aos orzamentos «para que se contemplase a construción desta Escola Infantil en Chapela, emenda que a Xunta rexeitou» unha postura que, segundo a deputada socialista «non fai máis que reafirmar o esquecemento en que o Goberno galego ten ao municipio de Redondela».
Lembrou tamén que nos Orzamento 2022 «non hai ningunha partida destinada para Redondela». A deputada aconsellou ao Goberno galego que «dos 34 millóns de euros que lle vai dar o Goberno de España para escola infantís, inclúa a de Chapela» e chamou a atención sobre o feito de que, ata o de agora, todas as mocións presentadas sobre temas relativos a Redondela «foron sistemáticamente rexeitadas polo Goberno galego» poñendo como exemplos a Avenida de Mendiño «competencia exclusiva da Xunta» ou as melloras no CEI Santa Mariña.
Digna Rivas agradeceu o «traballo e implicación» de Leticia Gallego con Redondela «cousa que lamentablemente non podemos dicir doutros que son parlamentarios e redondeláns como o señor Pazos quen, en lugar de reivindicar unha demanda veciñal como é esta escola, bótalle a culpa ao Concello a sabendas da falsidades desas afirmacións».
A alcaldesa lamentou que o Goberno da Xunta «so mire as cores políticas e non os dereitos das veciñas e veciños» mentres ten a Redondela «no máis absoluto dos abandonos porque non é da súa cor». «Como alcaldesa –afirmou Digna Rivas– teño o deber de reivindicar sempre e diante de quen sexa, tanto se é a Xunta de Galicia como a Deputación de Pontevedra ou o Goberno de España, os dereitos dos veciños e veciñas de Redondela».
A rexedora local lembrou que a escola infantil de Chapela era, en maio de 2019, «unha promesa electoral do PP que, afirmaban, ‘xa estaba feita’ cando o certo e que todos os trámites estaban por facer, incluíndo a modificación das normas subsidiarias para cambiar o uso dos terreos». Pese a estar todos os trámites sin realizar por parte do Concello, engade Digna Rivas «si que estaban dispostos a facer un ‘convenio express’, e agora, que toda a documentación está en regra, non hai o máis mínimo interese de facer esta instalación imprescindible para a veciñanza de Chapela».
«Se en maio do 2019, estaba ‘todo disposto’ para facer a escola e daquela non había impedimento, Cal é o problema agora que o Concello si que ten todos os trámites realizados?» pregunta a rexedora local quen asegura que, neste momento, «á Xunta acabáronselle as escusas» e considera «unha curiosa coincidencia» o feito de que temas longamente reivindicados por Redondela como a Avenida Mendiño, o Bacharelato de Artes ou a mellora do CEP Santa Mariña, todos eles pendentes, sexan competencia do Goberno galego.
«Os deberes están feitos», afirmou con rotundidade Digna Rivas quen subliñou que así o avalan os informes técnicos do Concello de Redondela e lembrou que o 16 de marzo do 2021, a Xunta aprobou definitivamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias enviada polo Concello de Redondela –logo da súa publicación no DOG, BOPPO e a inscrición no Rexistro de Planeamento de Galicia– «para cambiar o uso dos terreos a fin de permitir a instalación da Escola Infantil».
Lamentablemente, conclúe Digna Rivas, «unha vez máis demóstrase que o anuncio feito en vésperas electorais de que «no ano 2019 poidan iniciarse as obras de construción da escola infantil» foi tan só un intento de enganar a veciñanza xa que, por non existir, non había nin proxecto nin cambio de uso dos terreos».