O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, proclamou durante a celebración do 9º Congreso do PP de Redondela a Javier Bas como presidente local e candidato as vindeiras Eleccións Municipais.
No Congreso redondelán, celebrado no Convento de Vilavella, tamén interveu a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor, e o novo presidente local, Javier Bas. Dirixíndose a este último, o presidente do PPdeG trasladoulle que nas vindeiras eleccións municipais “non vale simplemente gañar”.
“Pídovos que aprendamos a lección, que nos deamos conta do que pasou —nos comicios de 2019—, que iso é que pode volver pasar, e que saiamos a dicirllo a todo mundo: hai un líder que precisa unha maioría absoluta. Non hai outra maneira de facelo”, salientou.
Rueda fixo fincapé na experiencia do novo presidente local, que foi rexedor de Redondela durante 8 anos e actualmente é deputado no Congreso dos Deputados. Ademais, destacou que el e o seu equipo “saben baixar á rúa” e “iso vai dar resultado seguro”.
Despois de “tres anos de retroceso” en Redondela, augurou que a Javier Bas “hoxe quédalle un ano para ser alcalde”. “Alégrome moitísimo de que tivera a xenerosidade de complicarse a vida unha vez máis e dixera que si, que ten ganas de ser alcalde”, concluíu.
Reunión con Nadia Calviño
Ademais, Rueda lembrou que onte lle trasladou á vicepresidenta Nadia Calviño que Galicia non deixará de solicitar ao Executivo estatal que a fábrica de coches “máis importante de España” —en referencia á factoría de Stellantis en Vigo— ten que “consolidar” o seu futuro e o de miles de postos de traballo.“O que quero reclamar é o que realmente nos corresponde e co que nos xogamos o futuro”, incidiu o presidente dos populares galegos, e engadiu que “non hai dereito” a que o Goberno central “vaia por outros sitios de España comprometendo un montón de cousas e a nós se nos diga ‘xa veremos’”. “Eu iso non o vou admitir”, subliñou.
Así mesmo, remarcou que tampouco admitirá “que outros proxectos fundamentais para Galicia sigan nesa nube de ‘xa veremos, a ver se podemos axudar ou non’”, polo que pediu “concrecións”.
Nesa liña, Rueda recordou que segue agardando pola reunión co presidente do Goberno “en nome de Galicia e de todos os galegos”, e citou cuestións pendentes de tratar como o desenvolvemento do AVE na Comunidade ou a carestía de médicos de Atención Primaria.
“Desde o Partido Popular imos seguir facendo a política que a xente aprecia, imos seguir contándolle á xente o que hai e imos seguir preparándonos para o que vén a partir de agora”, subliñou.