“Rulo” é un precioso exemplar de bulldog francés que leva desde outubro de 2019 no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Fora rescatado en Redondela xunto a unha cadela boxer, “Rua”, en lamentables condicións e con risco de perder a vida por unha situación de maltrato. Neste senso, o Seprona comisara os animais ao seu dono, a quen se instruíra unha denuncia por abandono que aínda está pendente de resolución xudicial.
O bulldog, ao igual que a boxer, se estaba a recuperar perfectamente no centro de acollida da Deputación pero nos últimos meses detectáraselle unha hernia discal, unha doenza habitualmente asociada á súa raza, que ameazaba con deixarlle severos problemas de mobilidade, polo que o persoal do CAAN decidiu abordar unha intervención cirúrxica.
A operación levouse a cabo hai uns días e resultou satisfactoria, malia que aínda é pronto para saber se o seu grao de recuperación vai ser do cen por cen. De momento Rulo xa comezou a traballar nos exercicios de fisioterapia e segue a evolucionar favorablemente.
Á historia de “Rulo” aínda lle quedan pasos para ter un final completamente feliz. A súa futura posta en adopción depende aínda da decisión xudicial no proceso que se abrira contra o seu dono, xa que ata o momento o animal está só en réxime de custodia polo Centro da Deputación.
É necesario que a sentenza declare o seu estado de abandono como trámite previo para que poida comezar a busca dun novo fogar. Ata entón, recibe os mellores coidados por parte do persoal das instalacións da Armenteira.