A Deputación de Pontevedra organiza este sábado, 15 de xullo, unha das 30 actividades que ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior. Trátase dun taller e unha ruta para descubrir moitos dos divertidos xogos tradicionais galegos, como a buxaina ou as bolas, e pasar unha xornada diferente en familia. A actividade, que forma parte do programa ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’, comeza ás 17.00 horas.
Durante a xornada amosaranse, a través de diferentes postos enmarcados no obradoiro ‘As cucañas’, os diferentes xogos, dando a coñecer a súa tradición en Galicia. Todas as familias participantes terán a posibilidade de interactuar cos xogos, probar e converterse en xogadores e xogadoras expertas/os por un día.
‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ é unha programación de actividades que abrangue visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, xogos tradicionais, oficios artesanais, seres mitolóxicos ou tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse en total 360 prazas.
Trala actividade deste sábado o programa continúa o domingo 6 de agosto cun obradoiro sobre os oficios tradicionais, o sábado 19 de agosto cun taller infantil de cociña, o sábado 2 de setembro cun obradoiro de vendima, o sábado 28 de outubro coa celebración do Samaín e, por último, o sábado 4 de novembro coa celebración do Magosto. As entradas para as actividades están dispoñibles en entradas.castelodesoutomaior.com, a un prezo único de 8 euros (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 euros) e cada actividade conta cun total de 30 prazas.
Ademais de ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’, a Deputación tamén organiza este ano 68 sesións de visitas guiadas. Celebraranse os luns e os venres de xullo e de agosto e terán tamén versións temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín para persoas adultas serán os venres e os sábados de outubro; e as infantís os sábados e domingos de outubro. Por último, do 6 ao 10 de decembro celebraranse as visitas teatralizadas de Nadal.