A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deu a coñecer hoxe durante a súa visita ao Ateneo Musical de Bembrive as achegas que a institución provincial acaba de conceder para unha vintena de entidades da comarca de Vigo e do sur da provincia que xestionan Escolas de Música. O investimento total ascende a preto de 60.000 euros e beneficiaranse destas axudas seis colectivos de Vigo, entre eles o Ateneo, así como outros doce do sur da provincia situados en Cangas, Gondomar, Mos, Ponteareas, As Neves, Redondela, O Rosal, Salceda, Soutomaior, Tomiño e Tui.
Estas achegas, que se enmarcan “na firme aposta da Deputación pola cultura e a súa difusión que é un eixo de acción prioritario do novo Goberno provincial”, como destacou a vicepresidenta, permitiranlles a estas entidades, “que desenvolven un labor fundamental no eido musical”, financiar gastos de funcionamento das Escolas de Música que xestionan. Ademais do Ateneo Musical de Bembrive, no concello de Vigo recibirán estas axudas a Sociedad Cultural e Deportiva Atlántida; a Banda Escola de Música de Beade; a Asociación Banda de Música Unión Musical de Valladares; a Unión Musical de Coruxo e a Asociación Veciñal Cultural e Deportiva Val do Fragoso.
Tamén se beneficiarán das achegas a Asociación Xuvenil Cultural Staccato de Cangas; a Agrupación Musical de Vincios (Gondomar); a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos); a Banda de Música de Rubiós (As Neves); a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns e a Asociación Banda Xuvenil de Xinzo, ambas en Ponteareas; a Asociación Cultural e Social de Chapela (Redondela); a Agrupación Musical do Rosal; o colectivo Amigos de la Música (Salceda de Caselas); a Asociación Musical Artística de Arcade (Soutomaior); a Asociación Sociocultural de Goián (Tomiño) e a Asociación Banda de Música Popular de Tui.
En toda a provincia son un total de 29 as Escolas de Música que se benefician de 90.000 euros desta liña de subvencións da Deputación de Pontevedra. As axudas concedéronse por concorrencia competitiva, tendo en conta cuestións como o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola e as especialidades impartidas.