Os concellos de Tui O Rosal informaron este mércores de que decidiron suspender as súas respectivas carreiras de San Silvestre que se ía celebrar este venres pola alta incidencia de Covid en sendos municipios e na área sanitaria de Vigo.
A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández, afirmou que “nos dá moita mágoa anular esta festa do deporte, pero é o que debemos facer por responsabilidade e pola saúde de todas as persoas que ían participar”. A proba tivo unha gran aceptación e tiña moitas persoas inscritas, pero tendo en conta a actual situación epidemiolóxica e o carácter non só deportivo senón tamén lúdico da proba, “consideramos que é a decisión máis acertada”, afirmou a rexedora.
O Concello quere agradecer o traballo de todas as persoas que se esforzaron moito por sacar adiante, así como aos e ás deportistas que se apuntaron á carreira. “Agardamos desfrutar ao máximo da do ano que vén. Agora é tempo de coidarse para deixar o virus atrás”, afirma Ánxela Fernández, ao tempo que engade que seguirán planificando actividades sempre que sexa posible, coa máxima seguridade, respectando a normativa e priorizando a saúde.
350 personas en Tui
Pola súa banda, a 1ª San Silvestre Popular de Tui quedou suspendida tamén, xa que suporía a reunión de máis de 350 persoas que estaban xa inscritas. O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradeceu a acollida que esta carreira espertou, así do mesmo xeito que traslada o seu agradecemento ao Club Atletismo Tui, asociacións e empresas a colaboración prestada para a organización deste evento. Agarda que o próximo ano poida celebrarse en Tui unha San Silvestre.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que “dada a situación que nos atopamos e tendo en conta que tiñamos un alto número de inscritos, e aínda que é certo que a nivel oficial non se restrinxe a actividade deportiva, non é menos certo que a proba non so tiña un carácter deportivo senón tamén sobre todo, e tratándose do día 31, a finalidade é que tivese un compoñente lúdico, e con ese compoñente lúdico non se pode desenvolver, e sen ese carácter festivo perde significación e o máis sensato é a súa suspensión”.