Coincidindo coa etapa de floración da camelia e co levantamento das restricións de mobilidade na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha nova edición das visitas guiadas ao xardín de Excelencia Internacional da Camelia no Castelo de Soutomaior. Trátase do terceiro ano consecutivo no que a institución provincial programa estas visitas botánicas que comezan este sábado e domingo, 27 e 28 de febreiro, e continuarán todas as fins de semana do mes de marzo, sempre co aforo reducido e adaptándose ás circunstancias e evolución da crise sanitaria.
Amais de coñecer todas as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, distinguido co selo Observer de turismo científico, así como a súa orixe, coidados e curiosidades, este ano, como novidade e coincidindo co arranque da ampla programación da Deputación ao abeiro do 8M, a visita inclúe o percorrido polo “Xardín de Camelia con nome de muller”. No 2020 comezáronse a plantar camelias con nome de muller, creando un recuncho novo no xardín do Castelo de Soutomaior. A primeira camelia deste xardín foi a variedade María Vinyals á que se sumaron ao longo do ano a de Rosalía de Castro, Bella Otero e Jane Andersen.
Estas visitas guiadas terán tamén a novidade de poder coñecer á plantación de té de camelia existente nos Xardíns, incluíndo unha explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.
As visitas guiadas por persoal especializado ao xardín de camelias do Castelo de Soutomaior, que terán lugar todos os sábados e domingos ás 12 horas e durarán unha hora e media, terán un custe de entre 1,5 € (tarifa reducida) e 3 € (tarifa normal). As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán adquirir a entrada a través da web do Castelo de Soutomaior https://castelodesoutomaior.com.