“Concello e veciñanza demostraron que poden solucionar calquera inclemencia, porque obviamente se tivésemos unha fin de semana soleada a afluencia sería outra, pero desta forma quedou claro que a Festa da Arribada xa é maior de idade e ten unha capacidade organizativa excelente”, apuntou Rodal.
A Festa de Interese Turístico Internacional recibiu un total de 160.000 persoas durante os tres días de celebracións, segundo os datos da Policía Local, e as lanzadeiras gratuítas que funcionaron dende Porto do Molle trasladaron o sábado e o domingo a preto de 3.000 persoas.
Ángel Rodal tamén valorou a normalidade coa que transcorreu a celebración. “Temos que destacar o comportamento exemplar dos nosos visitantes”, afirmou o alcalde.
Tanto o dispositivo de seguridade, con máis de 200 efectivos, coma o hospital de campaña e o servizo de limpeza despregáronse na Real Vila para garantir o bo funcionamento da festa. O alcalde sinalou que o uso do vaso oficial de cartón, por primeira vez en lugar de cristal ou barro, facilitou as labores de recollida do lixo.
Tamén o sentido único para os peóns foi “unha boa estrea e estamos seguros de que co paso das edicións suporá una grande medida para mellorar a mobilidade no Casco Vello”. Ademais, os drons da Axencia Galega de Emerxencias contribuíron vixiando o tráfico e a mobilidade dos peóns.
Visita a Pornic
O día despois, o alcalde recibiu á delegación chegada dende o municipio irmandado de Pornic. Os representantes franceses agasallaron este luns ao Concello cun cadro da súa localidade e acordaron celebrar entre o 12 e o 14 de maio en Pornic os actos conmemorativos do 20 aniversario do irmandamento. Da mesma forma, Baiona tamén celebrará a data entre o 2 e o 4 de xuño.