O Concello de Baiona acolleu este mércores a Xunta Local de Seguridade co motivo da Festa da Arribada. A reunión foi presidida pola nova subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Ana Ortiz, que celebrou en Baiona a primeira xunta local de traballo dende que tomou posesión do cargo, e polo alcalde, Ángel Rodal.
Responsables e mandos da Policía Local, Garda Civil, Policía Nacional e Axencia Galega de Emerxencias revisaron o plan de seguridade que se porá en marcha para garantir a seguridade dos miles de visitantes que acudirán a festa durante os tres días de celebracións.
Con posterioridade á xuntanza, a subdelegada, o alcalde, o inspector xefe da Policía Local de Baiona, Pedro Alonso, e a 1ª Tenente do Alcalde, María Iglesias, atenderon aos medios de comunicación e confirmaron a presenza dun total de 200 efectivos na vila para garantir a seguridade.
Así, a Policía Local de Baiona terá apoio de axentes de Cambados, Tui, Vigo e Nigrán, mentres que a Garda Civil desprazará a 64 efectivos e encargarase, entre outras tarefas, de controlar os accesos ao Val Miñor para que non se rexistre ningún incidente.
O Concello de Baiona habilitará un ano máis un aparcamento de 10.000 prazas totalmente gratuíto no parque de Porto do Molle (Nigrán), dende onde partirán lanzadeiras (tamén gratuítas) cada media hora. Ademais, haberá de novo barcos que conectarán o porto de Baiona có de Panxón.
Posto avanzado da Axega
O posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) estará esta vez situado no porto pesqueiro e dende alí coordinarase todo o plan de seguridade grazas a utilización de drons cos que Axega controlará o tráfico de vehículos e de persoas. Tamén haberá un posto médico cunha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise.
“En Galicia tan só hai nove festas de interese turístico internacional e iso obríganos a estar á altura, especialmente en canto a seguridade, para que todos os nosos visitantes desfruten da festa sen ningún problema, polo que agradezo o compromiso de todos os corpos e forzas de seguridade”, afirmou o alcalde, Ángel Rodal.
Sentido único e vaso oficial
A gran novidade nesta edición será o deseño dun sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Casco Histórico. A medida, aprobada a proposta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), ten como obxectivo facer máis fluído o tránsito no casco vello e facilitar a mobilidade.
Ademais, tamén este ano estréase o vaso oficial da Arribada. Trátase dun envase de cartón co logo da festa que permite eliminar definitivamente das rúas os vasos de cristal e barro que complicaban máis a recollida do lixo.
“É un pracer vir a Baiona e celebrar aquí a miña primeira Xunta Local de Seguridade. Xa coñezo a festa como visitante e hoxe puiden descubrir o impresionante traballo que hai detrás para que todo saia a perfección, por iso felicito ao alcalde polo gran equipo que ten”, sinalou a subdelegada do Goberno, Ana Ortiz.
Pola súa banda, Pedro Alonso destacou que o plan de prevención e seguridade da Festa da Arribada xa é un “referente” para moitas outras celebracións de este tipo en Galicia. “A experiencia fai que a coordinación sexa moi fluída co obxectivo principal de que todos os asistentes o pasen ben”, concluíu.