O contrato para a xestión do encoro de Baíña foi adxudicado á empresa, Ain Active SLU, que asume todas as tarefas vencelladas coa conservación e adecuado funcionamento da presa deste concello pontevedrés, así como dos seus equipos e instalación. A duración do contrato é de 24 meses, segundo informou a Xunta nun comunicado de prensa.
«Correspóndelle á adxudicataria a realización dos traballos necesarios de conservación de todos os dispositivos de control, órganos de desaugue, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación», explica a consellería.
A presa de Baiona encora as augas do río Baíña e está situada no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa. Ten unha altura sobre cimentos de 43,50 metros e un volume encorado de 0,64 Hm3. Trátase dunha das principais infraestruturas de abastecemento de auga deste concello, xa que dende este encoro cáptase a maior parte da auga que a súa poboación demanda anualmente.
Esta infraestrutura é explotada pola Xunta, a través de Augas de Galicia, que apoia ao Concello no desenvolvemento das súa competencias de prestación do servizo municipal de abastecemento.
«Deste xeito, debido á asunción por parte da Xunta destas tarefas de mantemento e explotación da presa, o Concello como titular do abastecemento de auga no municipio de Baiona, debe aboarlle á Administración autonómica o canon de regulación previsto pola Lei para asumir os gastos do encoro», sinala o comunicado.
Vilagarcía e Vigo
A Xunta vén de adxudicar tamén un contrato similar para a explotación e o mantemento da presa do Con, no concello de Vilagarcía de Arousa. «E tamén prevé licitar un contrato semellante para a presa de Eiras, en Vigo, no caso de que o Concello desta cidade, titular do sistema de abastecemento rexeite asinar o convenio coa Xunta para asumir estas tarefas e evitar así o pago do canon de regulación previsto na lei», conclúe.
A advertencia chega uns días despois de que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciase que o Concello non ía pagar os 645.000 euros que a Xunta lle reclama como canon de regulación da auga. «Queren cobrar por non facer nada”, asegurou entón Caballero.