O Concello de Baiona traballa no acondicionamento das súas práias para permitir o «uso normalizado» aos bañistas desde este luns coa entrada na Fase 2 de desescalada.
A posta en marcha esta semana da denominada Fase 2 do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade, dará unha maior liberdade de movementos á cidadanía e tamén permitirá, entre outras cousas, o baño nas praias.
Con ese motivo, o Concello de Baiona informou de que traballa nestes días na limpeza e adecuación dos areais do municipio para que, todos e cada un deles, presenten as condicións de uso que se espera dun destino turístico de excelencia.
Amais das labores habituais que se realizan todos os anos chegada esta época nas praias de Santa Marta, A Ladeira, Frades, Cuncheira, Barbeira e Ribeira, nesta última instalaranse sistemas de control de aforo, dado que é unha das que maior afluencia de persoas rexistra debido á sua céntrica situación.
A posta a punto das praias do municipio, sinala Carlos Gómez, alcalde de Baiona, cumpre un dobre obxectivo, “por unha banda garante a calidade dos nosos areais como municipio de referencia turística, e por outra, contribúe a que, veciñanza e visitantes, as poidan utilizar con todas as garantías sanitarias posibles”.
En todo caso, o rexedor local segue chamando “á responsabilidade persoal de todos e todas” como a mellor ferramenta “para ir acadando unha normalidade real sen o perigo que supón unha volta atrás”.