O goberno local de Baiona vén de comunicar ás empresas de telefonía o cambio na normativa municipal que permitirá o tendido aéreo de fibra nos núcleos do rural baionés. Modifícase así a norma, marcada no propio PXOM, que obrigaba a que os tendidos de subministros foran soterrados o que, sinala o alcalde Carlos Gómez, «supuxo unha notable limitación no despregamento das redes de telecomunicacións no municipio».
A antedita norma municipal entraba en conflicto coa Ley Xeral de Telecomunicacións polo que era preciso un cambio da mesma dado que, esta última norma, posúe un carácter xerárquico superor. Doutra banda e debido á dispersión de poboación no rural, este cambio na normativa remedia o problema de que as vías públicas que dan acceso a ditos núcleos, non só carecen de canalizacións senón que non son aptas para a súa instalación.
Polo tanto, o Concello de Baiona permitirá os tendidos aéreos de telecomunicacións en todas as áreas do municipio «que non teñan interese declarado patrimonial, cualificación de núcleo urbano ou que estando en este e por incapacidade técnica, non se pode realizar doutro xeito».
O alcalde de Baiona, salientou a importancia desta decisión que permite «aos núcleos parroquias acceder ás novas tecnoloxías da información». Nese sentido, Carlos Gómez, lembrou que o pasado estado de alarma e o confinamento que levaba aparellado, «amosou claramente o déficit que en materia de internet e telecomunicacións tiñan os nosos núcleos rurais».
Con esta medida, engade Gómez, «facilitamos a toda a veciñanza a conciliación familiar e laboral daquelas persoas que poidan teletraballar, un sistema que pola pandemia da COVID-19, cada día é máis utilizado». Na mesma liña, o rexedor local fixo fincapé na importancia de que as nosas veciñas e veciños, «dispoñan dunha rede de fibra que lles permita realizar as xestións con organismos, entidades bancarias ou servizos de saúde, do mesmo xeito que, en casos excepcionais, as nosas nenas e nenos, poidan seguir as clases a distancia».
Trátase, explicou, de «poñer ás nosas parroquias no século XXI e contribuír á modernización e dignificación dos núcleos rurais que foron os grandes esquecidos dos sucesivos gobernos conservadores».