Baiona celebrou na tarde deste xoves á demostración práctica do sistema de control aforo de praias e espazos abertos ‘Intelligent Watchful Vision’, que a vila utilizará como medida de prevención e protección fronte á Covid-19.
O sistema, desenvolvido pola empresa DGH, situada en Porto do Molle, combina a versatilidade dos drons para a gravación de imaxes en grandes superficies xunto á potencia e a fiabilidade da intelixencia artificial no conteo de persoas». É, sinalaron, «un software de análise intelixente que consegue un reconto moi preciso en tempo real».
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, adiantou que persoal municipal «realizará un curso de aprendizaxe para a utilización do sistema» e subliñou a importancia que terá, unha vez posto en marcha, «para o control de aforo de persoas nun municipio que, como Baiona, conta con numerosos eventos considerados como de participación masiva como as Festas da Anunciada ou A Arribada».
Do mesmo xeito, engadiu que «o sistema permitirá controlar o aforo de espazos, como as praias, nos que ata o momento era pouco máis que imposible facelo ou, cando menos, facelo cun sistema rápido e con garantías».
O rexedor subliñou ademais a importancia de que o sistema teña sido creado por unha empresa «que apostou por establecerse no Val Miñor e nun polígono industrial que está a ser un referente en empresas de I+D+i».