As rúas Carabela Pinta e Cidade de Vigo, en Baiona, estarán cortadas ao tráfico –agás para entrada a garaxes– o sábado 20 e o domingo 21 de xuño, e pasarán a ser peonís dende as 20.00 horas ata as 01.00 horas do día seguinte. Trátase dunha medida adoptada polo Concello para proporcionar máis espazos de paseo á veciñanza e visitantes nas fines de semana “e ao mesmo tempo garantir o distanciamento social que marcan as normas sanitarias”.
“Baiona é unha vila cunha fonda tradición de vida na rúa -explica o alcalde, Carlos Gómez- polo que era preciso adoptar medidas que, por unha banda permitan esa vida de rúa da que gustan tanto as veciñas e veciños como as persoas visitantes e, por outra banda, garantir a seguridade sanitaria de todos e todas”.
Ademais, a rúa Carabela Pinta transformarase o domingo 21 de xuño, de 18.00 a 20.00 horas, nun escenario ao aire libre cheo de maxia e ilusión coa actuación do Mago Zamas, unha iniciativa que chega da man do Mercado de Abastos de Baiona e a colaboración da Concellería de Cultura.
Nun espectáculo apto para todos os públicos, o Mago Zamas (Jorge Álvarez), membro da Asociación Máxica Baixo Miño, amosará as súas habilidades que lle fixeron merecedor de ser segundo clasificado no festival de maxia ‘MiñoMáxico’.