O Concello de Baiona comezará a distribuír máis de 15.000 máscaras entre a cidadanía para que conten coa protección necesaria contra o Covid-19 á hora de saír as rúas. Ás máscaras cirúrxicas homologadas adquiridas engadiranse outras realizadas por persoas voluntarias, que foron sometidas a un proceso de esterilización.
Para unha mellor e máis doada distribución –que será realizada por persoal de Protección Civil do Val Miñor e persoas voluntarias– e para evitar aglomeracións de veciños e veciñas, o Goberno local estableceu sete puntos de reparto que funcionarán, todos eles, entre as 10.00 e 13.00 e as 17.00 e as 20.00 horas ou ata rematar as existencias.
Baiona contará con dous deses puntos que quedarán situados no parque ‘Os Tendais’ e na praza da Froita (praza Pedro de Castro). Outros dous lugares de distribución instalaranse en Sabarís, concretamente na Praza de Victoria Cadaval e na Avenida de Sabarís. Pola súa banda Baíña e Baredo disporán de cadanseus puntos de distribución, que estarán instalados nos respectivos centros culturais. Finalmente, Belesar terá outro lugar de distribución na zona do cemiterio.
O Concello de Baiona realizou o pedido das máscaras hai un mes para que estiveran ao dispor da cidadanía “agora que é cando son precisas e non antes, cunha situación estrita de confinamento” explica o alcalde, Carlos Gómez.
En todo caso, o rexedor local segue facendo un chamamento “á prudencia e á responsabilidade” xa que, aínda que con medidas máis relaxadas, “a crise sanitaria provocada pola Covid-19 e o perigo de contaxio seguen aí”.
Nestas circunstancias, engade Gómez, “é cando máis precavidos e coidadosos debemos ser para poder seguir avanzando nas fases da desescalada e evitar un retroceso de imprevisibles consecuencias sociais e económicas”.
As máscaras contribúen a unha mellor protección, pero a forma máis efectiva de atallar o virus “son as medidas de prevención que todos e todas deberemos adoptar dentro da nosa responsabilidade persoal”, finaliza o rexedor local.