A Festa da Arribada, na que se conmemora o 527 aniversario da chegada da Carabela Pinta, celebrará as súas bodas de plata con numerosas novidades. O Concello de Baiona presentou este venres a XXV edición da cita histórica co anuncio de que non haberá nin pirotecnia nin animais cautivos. Ademais, a festa declarada de Interese Turístico Internacional, terá unha representación con linguaxe de signos.
“Baiona ten unha grande importancia histórica e cultural, necesitamos divulgar o noso feito histórico e que os visitantes o saiban». Así, o alcalde, Carlos Gómez, destacou durante a presentación celebrada nos xardíns da Casa da Navegación que foros veciños os que hai 25 anos puxeron en marcha a festa que agora reúne a miles de visitantes.
Durante o acto estiveron presentes concelleiros da corporación municipal e representantes da sociedade, economía e cultura. «Somos conscientes da transcendencia que supuxo a noticia da existencia de América, sendo o primeiro porto da Europa en coñecer o acontecemento”, sinalou a concelleira Miriam Costas.
Representación con linguaxe de signos
O Concello ofrecerá por segundo ano consecutivo a representación teatral “Arribada do Descubrimento” interpretada en lingua de signos. A escenificación, escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, terá lugar o sábado 29 de febreiro (20.00 horas) e o domingo 1 de marzo (18:00 horas) na Praia Ribeira de Baiona.
As persoas xordas interesadas en asistir, contarán cun espazo reservado, polo que deben achegarse á jaima da organización uns minutos antes do comezo da obra. Así, o Concello de Baiona quere así amosar a súa «sensibilidade» e compromiso en materia de accesibilidade para este colectivo.
Sen pirotecnia nin animais cautivos
Ademais, esta nova edición da Festa da Arribada contará con outras novidades. Por un lado, quedan eliminados os fogos artificiais. «Consideramos que son contraproducentes para persoas con diferentes discapacidades», apuntou o alcalde. Nese sentido tamén hai un compromiso co benestar animal e entran na programación as mostras de animais autóctonos.
Bois de raza maronesa, alistanos-sanabreses, de raza barrosa e becerros de raza cachena estarán presentes na festa a través da mostra etnográfica do “Alpendre dos Bois” que amosará a vida do Boi en Galicia.