A Deputación de Pontevedra está a transformar Baiona con importantes investimentos en infraestruturas, mobilidade e equipamentos municipais para os que destina un orzamento de máis de 600.000 euros. Entre as actuacións destacan as obras de reposición de firme en todo o trazado da EP-2204 Sabarís-Belesar, cuxa execución inminente anunciaron este mércores o deputado provincial Gregorio Agís e a deputada Iria Lamas, nunha visita á localidade xunto ao concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.
Nesta obra de mellora da seguridade viaria, a Deputación inviste un orzamento de máis de 540.000 euros. Trátase dunha actuación transformadora e “moi importante para Baiona”, como destacou o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, que subliñou que esta actuación tiña sido demandada desde o Concello, “co que existe unha colaboración continua”. Afirmou que a obra “suporá unha mellora da seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns, de acordo cos criterios de mobilidade amable adoptados por esta Deputación dende o ano 2015”. Agís anunciou que a institución provincial seguirá a colaborar “man a man co Concello de Baiona para facer posible obras como esta”.
Os traballos de reposición do firme desenvolveranse ao longo dos 6,3 quilómetros desta estrada, na que tamén se instalarán catro redutores de velocidade para o acougado do tráfico e na que se renovará a sinalización horizontal e vertical. A obra está xa en proceso de licitación por parte da Deputación e as empresas teñen de prazo ata o 10 de febreiro para presentar as súas ofertas. Ao longo deste mes de xaneiro, explicou, a Deputación está a licitar actuacións en seis estradas provinciais e esta de Baiona era unha das máis demandadas.
Pola súa banda, o concelleiro Óscar Martínez subliñou que a mellora da estrada provincial EP-2204 “vai cubrir as necesidades dunha das zonas mais poboadas do concello de Baiona”. “Consideramos que é totalmente necesaria e será unha mellora tanto para a accesibilidade como a mobilidade de todas as persoas de Belesar e Sabarís”, engadiu.
Agís e Lamas visitaron xunto a Martínez outras dúas obras financiadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación, o acondicionamento do paseo fluvial sobre o río Baíña, realizada cunha achega 42.130 euros, e a habilitación dun parque canino en Monte Boi, para a que a institución provincial concedeu unha axuda de 30.247 euros.
No primeiro caso, as actuacións de acondicionamento e mantemento do paseo fluvial consistiron basicamente en obras de limpeza e tratamento. Deste xeito, fíxose un lavado a presión con máquina de todos os elementos da pasarela, e tamén se aplicou un tratamento contra as escorregaduras. Amais, acometéronse varias reparacións, como a substitución de taboleiros en mal estado, a ancoraxe da varanda no tramo inicial e a reposición dos gardarraís deteriorados.
No que atinxe á área de Monte Boi, trátase dun espazo biosaudable para que cans e cadelas poidan pasear e exercitarse soltos, sen ocasionar molestias ás persoas viandantes. O parque, que se atopa nas inmediacións da praia dos Frades, habilitouse con varios tipos de pavimento e dispón dunha fonte para que poidan beber os cans e varios elementos de axilidade, así como un contedor para depositar os excrementos. Amais deses elementos, as obras incluíron o acondicionamento do terreo e perfilado dos camiños de tránsito, a conexión aos servizos de auga existentes, a colocación de bordos e empedrado e a realización de sendas e zonas de areeiro.