Visitar a oficina de turismo de Baiona será unha experiencia interactiva que enriquecerá a todas as persoas que se acheguen a ela gracias ao uso dun paquete de novos soportes tecnolóxicos como ‘beacons’, unha impresora braille ou un bucle magnético que a Deputación de Pontevedra instalará neste punto de atención.
As melloras foron anunciadas pola presidenta provincial, Carmela Silva, quen tamén comunicou investimentos nos próximos meses de cara á dixitalización desta oficina da man do proxecto europeo Tourist Inside Rías Baixas. Fíxoo nunha visita a este espazo de información na que tamén estivo presente o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e na que se fixo balance do crecemento dunha oficina que conta coa Q de Calidade turística dende hai dous anos.
O proxecto Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, fará que as tecnoloxías da información e a comunicación sirvan para optimizar a satisfacción das e dos visitantes da oficina de Baiona así como a experiencia turística das persoas con diversidade funcional, dado que ao abeiro deste proxecto instalarase unha impresora braille na oficina, que permitirá ampliar a oferta de información escrita, así como un bucle magnético, que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello.
A oficina de Baiona tamén contará cunha pantalla de 55 polgadas no seu interior na que se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia así como cun tótem situado na fachada exterior da oficina no que se proporcionará información do destino. Do mesmo xeito, instalarase unha tableta que se empregará para realizar enquisas de satisfacción.
Ademais, en 24 puntos do concello disporanse ‘beacons’, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth. Con todas estas medidas a Deputación está a mudar o clásico modelo de atención a persoas visitantes de cara a un novo que se apoia nas novas tecnoloxías e na interconexión da Rede Info Rías Baixas para ofrecer ás persoas visitantes todas as posibilidades.
O punto de información dispón do distintivo de calidade que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) o que a converte nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.
Máis de 15.000 visitantes no que vai de ano
Durante a visita de Carmela Silva tamén se deu a coñecer que a oficina de Baiona recibiu, entre o 1 de xaneiro e o 15 de agosto, 15.255 persoas visitantes. As e os turistas que visitaron a oficina no que vai de 2022 foron principalmente de nacionalidade española (79,81%) e chegadas/os maioritariamente dende Madrid (25,73%) así como doutros puntos como Barcelona, Biscaia, Sevilla e Valencia.
Entre as persoas estranxeiras que se achegaron á oficina baionesa en busca de información (o 20,19% restante) destacaron as procedentes de Portugal, Francia, Alemaña, Estados Unidos ou Reino Unido. En canto ao rango de idade, destacan as/os turistas de entre 35 e 60 anos, que supuxeron un 59% do total.
A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.